domingo, 20 de octubre de 2013

Un milladoiro para Corcoesto: III Enarborar o bosque

Xa rematou a fermosa xornada de onte no Forum de Carballo. Un día intenso de montaxe e organización, que culminaba coa presentación da exposición da obra de vinte dos artistas que o día 1 de xuño estivemos alí, en Corcoesto, loitando coas nosas cores contra o o dourado mal, o ouro, a súa explotación, a construción dunha mina a ceo aberto para extraelo, dando vida para vencer a morte. Houbo poesía, música e a construción dun novo milladoiro, grazas ao esforzo da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños. Moitísima xente, grande emoción, todos celebrando con cautela a nova da paralización do proxecto. Aquí queda unha mostra do que foi o primeiro milladoiro, aquel que foi derruído e feito desaparecer por xente que non teme as maldicións que caerán sobre eles por ter movido algunha desas pedras máxicas que defendían o Anllóns e o seu territorio. O video foi realizado por Xacobe Meléndrez Fassbender coa música de Abe Rábade.


Un Milladoiro para Corcoesto from NoTobo do Raposo on Vimeo.

viernes, 31 de mayo de 2013

Programa e como chegar a Corcoesto

O Google maps da un problema na localización, xa que ao premer nos enlaces ou tentar imprimir cambia automáticamente a localización correcta por outra doutra Santa Mariña, así que aquí quedan un par de indicacións:
COORDENADAS GPS 43º13'34,00'' N - 8º49'12,12'' O
Enlace ao google maps (non lle deades despois a imprimir ou enviar por email xa que via ir a outro lugar)
Mapa do lugar (satélite)
Mapa con accesos
Programa:
Durante todo o día haberá obradoiro de estampación e pintura colectiva, artistas creando ao vivo,
construcción do "Milladoiro para Corcoesto" e diversas actuacións a pe de público
11:00 Chegada e montaxe. Comezo do traballo artístico.
12:30 Contacontos e actuacións dramatizadas
13:30 Actuacións musicais
- xantar -
16:30 Contacontos e actuacións dramatizadas
17:30 Charla breve sobre o impacto da mina.
18:00 Recital poetas de "Un Milladoiro para Corcoesto" intercalados con actuacións musicais.
20:30 Lectura de manifesto e final.

jueves, 30 de mayo de 2013

Confirmada a participación de máis de 50 artistas

Xa temos confirmada a participación de máis de 50 artistas das distintas artes, e esperamos que sexan moitos máis os que se acheguen alá a crear e amosar o seu compromiso co medio ambiente a a sociedade:
Plásticos: Leandro Lamas, Delio Sanchez, Fran Moledo, Nolo Suárez, María Leal, Rubén Fenice, Rubén Mariño, Marcos Varela, Nando Pereiro, Ana Fer, David Manteiga, Paula Manteiga, Sebas Anxo, Carlos Botana,  Lola Oviedo, Cora Peña, Mercedes Molares, Mar Suárez Canosa, Carla Souto,  Aitana Tubío, Inma Doval, Fran Moledo, José Luís Busto Cousillas, Novais, Ángel Marcelo, Manuel Teira Luaces.
Fotógrafos: Xacobe Meléndrez, Maribel Longueira, Begoña Pastoriza, Carolina Martínez Rodríguez.
Música: Tonhito de Poi, Sapoconcho Galego, Josito Porto, Roberto Sobrado e César Morán.
Teatro e contacontos: Zezilia Meléndrez, Ana Hermida e Esbardalle poétiko
Poesía "Un milladorio para Corcoesto": Natalia Concheiro, Ramiro Torres, Afredo Ferreiro, Francisco X. Fernández Naval, Nolim González, Alfonso Láuzara, Justo Huilcamina, Ceu Costa, Miriam Rodrigues, François Davó, Encarna Vidal, Iolanda ALdrei, Marina Ourol, Paco Souto, Berta Dávila, Xulio Álvarez, Helena Villar Janeiro, Marta Pedrosa, Eduardo Estévez.

miércoles, 8 de mayo de 2013

Google maps, Carballeira de Sta Mariña de Corcoesto.

Cartaz III Enarborar, deseño de Ana Fernández.


Manifesto III Enarborar o bosque: pola defensa de Corcoesto




Manifesto
Creadoras e creadores galegos- músicos, poetas, artistas plásticos e e visuais, actrices e actores, magos… co apoio de colaboracións internacionais, xuntámonos o día 1 de xuño , data próxima ao día mundial do medio ambiente, na Carballeira de Santa Mariña - Corcoesto, Cabana de Bergantiños, para amosar un ano máis o noso compromiso coa conservación da Natureza, e neste 2013 fixamos a nosa mirada no forte impacto das explotacións mineiras en Galicia, especialmente as que se realizan a ceo aberto.
O proxecto de Edgewater Exploration Ltd de explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Bergantiños representa o máximo expoñente desta ameaza no noso territorio. Pero non hai que esquecer  as explotacións xa en desuso  como as de lignitos en Meirama e As Pontes de García Rodriguez, rexeneradas con proxectos sinxelos e baratos para as empresas pero ambientalmente incorrectos, xa que se optou por enchelas de auga. Lembramos tamén as máis activas neste momento, as de rochas ornamentais, nomeadamente granito e lousa, nos lindes de espazos de grande valor ambiental que no segundo dos casos mesmo sepultan vales enteiros das serras do Courel e Pena Trevinca, provocando unha situación de deterioro irreversible, que chegou a condicionar a delimitación destes Espazos da rede Natura 2000.
O proxecto para a mina de ouro de Corcoesto é unha mostra máis da insostenibilidade do sistema mineiro, deséñase dende o mercado, para dar satisfacción a un consumo por riba das nosas posibilidades ambientais. Na península temos un exemplo tráxico no accidente de Alnazcollar, a rotura da súa balsa provocou o vertido de 2 millóns de m3 de lodos e 4 millóns de m3 de augas ácidas transportadas por unha onda de case que 4 metros de altura.  O dique meirande das balsas de Corcoesto sería 3 veces maior e en caso de accidente o volume de lodos e augas contaminadas que podería liberar duplicaría con creces o de Rio Tinto. O desnivel e a escasa distancia ao esteiro do Anllóns faría, en caso de accidente, que as poboacións de Anllóns Grande e Ponteceso ficaran dramáticamente afectadas por unha avenida que multiplicaría por catro a máxima rexistrada nos dous últimos séculos, cubrindo cunha capa de lodos de casi 3 metros as 400 Ha. do esteiro do Anllóns, dende a ponte de Ponteceso ate a súa desembocadura na illa da Tiñosa, e con caseque 50 cm de lodo tóxico a ría entre os faros de Punta Roncudo e Laxe. Lodos que conterían 8,5 Tn de arsénico. Ese é o perigo latente pero hai outros, hai máis, a mobilización do arsénico presente no solo -aos que se suman sustancias como o cianuro, sosa caustica ou ácido clorhídrico- a súa incorporación á capa freática e á rede hídrica, coa ameaza subxacente sobre as empresas de produccion gandeira e agrícola e as labores acuícolas e pesqueiras, produciría un claro empobrecemento da zona e a súa hipoteca unha vez rematada a explotación mineira, non compensada por un puñado de postos de traballo durante unha década. A máis hai que poñer en relevo a importancia paisaxística e de biodiversidade do Esteiro do Anllóns,  especialmente a nivel ornitolóxico.
Pero non esquecemos as necesidades e a dependencia mineira da nosa sociedade, sabemos do impacto local e coñecemos o que xenera o noso consumo noutros paises , como exemplo bastaría falar da guerra na República Democrática do Congo (Uganda e Ruanda) xerado a partir do coltán, preciso para fabricar os móbiles ou a guerra financiada pola venda de diamantes na mesma zona e Angola, Serra Leoa… ou as condicións de explotación humana para a extracción de ouro e outros metais preciosos en Sudamérica. Sabemos o custe do ouro pero tamén do petróleo, do carbón,  dos metais… en outros países, o custe social e ambiental, polo que facemos un chamamento para deixar de identificar consumo con prosperidade.
Non queremos este proxecto de mina de ouro en Corcoesto e nos comprometemos, e facemos un chamamento á sociedade para que faga seu o compromiso,  cun decrecemento do consumo de recursos que nos faga avanzar cara a unha relación sustentable coa natureza.
Este é un acto simbólico promovido polos artístas  Deli Sánchez de Factoría Delideas e os compoñentes do colectivo arTeu, Inma Doval e Xacobe Meléndrez. Coa colaboración da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños e o apoio da Federación Ecoloxista Galega (FEG).
enarborarobosque.blogspot.com 

miércoles, 24 de abril de 2013

Un milladoiro para Corcoesto no III Enarborar o Bosque


Instalación artística contra o cianuro, o arsénico e a destrucción da natureza.

Traede ou enviade os vosos versos, escritos sobre croios, ou mesmo pequenas pedras intervidas, coas que montaremos unha instalación no III Enarborar o Bosque, adicado a protección de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) e o seu entorno natural frente ao proxecto de explotación mineira de ouro a ceo aberto.
Os amilladoiros son montóns de croios acumulados de xeito testimonial en determinados lugares. É unha práctica que ten unha raiz celtíbera, pobo que ía botando as pedriñas en cruces de camiños e outros lugares cunha simboloxía especial, para alonxar os malos espíritos.
Practicouse e practícase ainda en multitude de culturas de todo o mundo, dende a tribu Churingaque en Australia ate os Masais africanos, pasando polos pobos do norte penínsular esencialmente no Camiño de Santiago, neste caso despois de pasar o tamiz da cristianización.
Utilizabanna tamen os gregos e os romans tendo diversos significados. A pedra foi símbolo de forza, virilidade, fecundade, persistencia, demarcación… e nós utilizaremola de novo en Corcoesto, para alonxar os malos espíritos, os do arsénico e o cianuro que con este modelo de explotación mineira ameazan con mobilizarse polo interior da nae terra, nas súas veas de auga, as mesmas que nutren as nosas produccións agrícolas e gandeiras e que iría empozoñar tamén a ría toda.
Ven co teu croio (*) o día 1 de xuño ao III Enarborar o Bosque que se desenvolverá en Corcoesto, con recitais, pintura ao vivo, música, maxia… unha verdadeira romería artístico-reivindicativa ao aire libre.
Tamén podes mandar a túa pedra (*) ao Apartado 223 de Cambre – A Coruña antes do 28 de maio.

(*) Pon claramente o nome dx autor/a e envianos un correo electrónico coa trascripción do texto, o colgaremos na web xunto con fotografías dos seixos.

Xacobe Meléndrez Fassbender