Xa rematou a fermosa xornada de onte no Forum de Carballo. Un día intenso de montaxe e organización, que culminaba coa presentación da exposición da obra de vinte dos artistas que o día 1 de xuño estivemos alí, en Corcoesto, loitando coas nosas cores contra o o dourado mal, o ouro, a súa explotación, a construción dunha mina a ceo aberto para extraelo, dando vida para vencer a morte. Houbo poesía, música e a construción dun novo milladoiro, grazas ao esforzo da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños. Moitísima xente, grande emoción, todos celebrando con cautela a nova da paralización do proxecto. Aquí queda unha mostra do que foi o primeiro milladoiro, aquel que foi derruído e feito desaparecer por xente que non teme as maldicións que caerán sobre eles por ter movido algunha desas pedras máxicas que defendían o Anllóns e o seu territorio. O video foi realizado por Xacobe Meléndrez Fassbender coa música de Abe Rábade.
Un Milladoiro para Corcoesto from NoTobo do Raposo on Vimeo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario